quinta-feira, 16 de julho de 2015

Um feito histórico!

Lido no dia de ontem...

DECLARACIÓN DE UNIDADE A PROL DA NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA
A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.
O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. 
O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos 
e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político. 
Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para 
erradicar vellos e novos prexuízos.
É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, 
coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa 
intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para 
garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira 
igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos 
comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei
 de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no 
Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos 
Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea 
das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e 
ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime 
do Parlamento galego.
As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, 
proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de 
normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade 
de goberno.
Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015.
No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.
A Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüísitica