quarta-feira, 29 de fevereiro de 2012

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

O autor asinando libros

A Casa Galega da Cultura acolleu a moit@s seareir@s do escritor Carlos Callón. O seu último libro mais non o derradeiro, xa podemos adiantar que pronto sacará outro do prelo, é un éxito e unha necesidade vital nestes tempos de escuridade.

terça-feira, 28 de fevereiro de 2012

Imaxes da presentación de Bandeiras da Galiza en Vigo

Cruz Martínez, José Manuel Barbosa (autor do libro "Bandeiras de Galiza") e Rosa Martínez
Fotografías tiradas de Facebook.


O xoves pasado estivemos na presentación da segunda edición de "Bandeiras da Galiza" na Galería Sargadelos. Estas son  unhas  imaxes do acto.

domingo, 26 de fevereiro de 2012

Presentación en Vigo

Presentación na Casa Galega da Cultura (Praza Princesa) na cuarta feira, día 29 de febreiro ás 20:00 horas. O libro necesario para vivirmos en galego, o manual práctico que tanto agardabamos.
"En Como defenderes os teus dereitos lingüísticos Carlos Callón proponnos que protagonicemos no día a día a revitalización do noso idioma a través de pequenas accións, concretas e realizábeis."...

quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012

24 de febreiro Día de Rosalía

Este vaise y aquél vaise,
e todos,todos se van;
Galicia,sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés,en cambio,orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non ten pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

ROSALÍA DE CASTRO.

terça-feira, 21 de fevereiro de 2012

Apresentação do livro "Bandeiras da Galiza"


Xoves ás 19:30  Galeria Sargadelos de Vigo. R/Urzaiz Nº 17- C.P.36201
O ato estará apresentado pelo professor do CUVI do departamento de tradução galego-inglês e Doutor Carlos Garrido.

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Queremos xustiza para a nosa lingua Non á criminalización da súa defensa!


Carlos Callón será xulgado por recriminar ao xuíz decano da Coruña que incumprise a Lei de normalización lingüística


A Mesa lanza un manifesto perante o xuízo do seu presidente o vindeiro 10 de febreiro e convoca unha concentración de apoio
"O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!"
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado o vindeiro 10 de febreiro na Coruña nun caso que a entidade non dubida en cualificar de "criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma". Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se producirá a semana próxima.

Reproducimos a continuación o texto do manifesto, para o cal A Mesa recolle apoios a través do correo-e imprensa@amesanl.org:

Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!

O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.

Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.

O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: "No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o "erro ortográfico" persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.

O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!

No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.

As persoas que asinamos este escrito queremos:

1. Manifestar o noso apoio ás persoas denunciadas polo maxistrado Antonio Fraga Mandián só por daren exemplo na defensa do noso idioma, sempre de xeito cívico, democrático e legal, como é o caso de Eduardo Álvarez, Carlos Aymerich e Carlos Callón.

2. Chamar a participar na concentración que se realizará o día 10 de febreiro ás 12 h diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n).

3. Reclamar que se deixe de criminalizar a defensa do galego. Non pode ser que un xuíz denuncie unha e outra vez a persoas que non cometen máis delito que defender o cumprimento da Lei e, con ela, a promoción e defensa do noso idioma.

4. Alzar a nosa voz para que todos os poderes públicos sen distincións cumpran e fagan cumprir a Lei de normalización lingüística, en aspectos tan importantes como o uso da toponimia nas súas formas correctas e oficiais ou o dereito a podermos utilizar e recibir información en galego nas diferentes administracións, tamén na de xustiza.
02/02/2012
© A MESA Pola Normalización Lingüística | www.amesanl.org | amesa@amesanl.org Onde atoparnos: Av. de Lugo, 2A - Entresollado A; Apartado 247; 15702 Santiago de Compostela | Tel: 981 563 885 Fax: 981 583 782