segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Queremos xustiza para a nosa lingua Non á criminalización da súa defensa!


Carlos Callón será xulgado por recriminar ao xuíz decano da Coruña que incumprise a Lei de normalización lingüística


A Mesa lanza un manifesto perante o xuízo do seu presidente o vindeiro 10 de febreiro e convoca unha concentración de apoio
"O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!"
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado o vindeiro 10 de febreiro na Coruña nun caso que a entidade non dubida en cualificar de "criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma". Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se producirá a semana próxima.

Reproducimos a continuación o texto do manifesto, para o cal A Mesa recolle apoios a través do correo-e imprensa@amesanl.org:

Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!

O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.

Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.

O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: "No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o "erro ortográfico" persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.

O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!

No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.

As persoas que asinamos este escrito queremos:

1. Manifestar o noso apoio ás persoas denunciadas polo maxistrado Antonio Fraga Mandián só por daren exemplo na defensa do noso idioma, sempre de xeito cívico, democrático e legal, como é o caso de Eduardo Álvarez, Carlos Aymerich e Carlos Callón.

2. Chamar a participar na concentración que se realizará o día 10 de febreiro ás 12 h diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n).

3. Reclamar que se deixe de criminalizar a defensa do galego. Non pode ser que un xuíz denuncie unha e outra vez a persoas que non cometen máis delito que defender o cumprimento da Lei e, con ela, a promoción e defensa do noso idioma.

4. Alzar a nosa voz para que todos os poderes públicos sen distincións cumpran e fagan cumprir a Lei de normalización lingüística, en aspectos tan importantes como o uso da toponimia nas súas formas correctas e oficiais ou o dereito a podermos utilizar e recibir información en galego nas diferentes administracións, tamén na de xustiza.
02/02/2012
© A MESA Pola Normalización Lingüística | www.amesanl.org | amesa@amesanl.org Onde atoparnos: Av. de Lugo, 2A - Entresollado A; Apartado 247; 15702 Santiago de Compostela | Tel: 981 563 885 Fax: 981 583 782

Sem comentários:

Enviar um comentário