sexta-feira, 16 de abril de 2010
para denunciar as políticas de desmantelamento de oficialidade do galego
[13/04/2010]
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, participa da representación galega que se reunirá esta tarde cun alto representante da Comisaria de Educación e Multilingüismo da UE
Hoxe ás 19 horas terá lugar un acto aberto sobre a situación da lingua galega no que tamén se dará a coñecer a Plataforma Queremos Galego: será na Libraría galego-portuguesa Orféu de Bruxelas.
Hoxe e mañá 14 de abril unha delegación da Plataforma cidadá Queremos Galego percorrerá distintas instancias internacionais no ámbito da UE, o Parlamento e o Consello de Europa ou a UNESCO, para dar a coñecer e denunciar as "políticas activas de desmantelamento da oficialidade do galego e de ataque sistemático á lingua e á cultura propias" impulsadas, ao xuízo da plataforma, desde o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.
A representación de Queremos Galego está formada polo Presidente da Mesa, Carlos Callón; o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao; e o Deputado do BNG no Parlamento, portavoz en materia de Lingua, Bieito Lobeira. Estaba tamén prevista a participación -non posíbel finalmente -da actriz Isabel Risco.
Unha "apertadísima axenda", segundo se explicou no día de onte en comparecencia diante dos medios en Santiago de Compostela para dar conta da viaxe, levará estes representantes de Queremos Galego a encontros e xestións diante de diferentes instancias no ámbito europeo e da UNESCO.
A primeira das reunións terá xa lugar esta mesma tarde, ás 17.30, con Jonathan Hill, alto representante da Comisaria de Educación, Cultura e Multilingüismo da UE. Con posterioridade, ás 19 horas, organízase un acto aberto coa comunidade galega residente en Bruxelas, ás 19 horas, na Libraría galego-portuguesa Orféu.
A visita complétase mañá coa entrega dun "relatorio de denuncia" sobre a situación actual da lingua galega diante da sede que a UNESCO ten en Bruxelas e, a seguir, cunha conferencia de imprensa e unha serie de encontros con deputadas/os da Alianza Libre Europea de diferentes territorios da UE con linguas non normalizadas, así como con representantes doutras forzas.
Tamén mañá terá lugar unha reunión especial do Intergrupo de Comunidades Nacionais e Linguas do Parlamento europeo para tratar o caso do galego. Nesta reunión, sen dúbida histórica polo seu carácter monográfico, comparecerá a delegación da plataforma.
Información recollida en "A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜISTICA"
quarta-feira, 14 de abril de 2010
domingo, 11 de abril de 2010
O IDIOMA GALEGO
Seica o meu idioma está perdido e morrerá unha noite de tantas, quizais no silencio. O problema do galego é moi grave, son séculos de escuridade os que nos pexan coma se fosen un lastre. Destinado a caer vítima do verdugo, agarda a que pare de soar o redobre de tambor.
Só unha cousa me da voltas: A puta diglosia, está tan agarrada no meu inconsciente que non son quen de mirala cara a cara. Síntome partida pola metade a cachapernas entre dous idiomas.
A desigualdade do galego perante o castelán é moi inxusta, na situación de fillo dun deus menor está obrigado a situarse por debaixo da lingua foránea. A dominación imaxinaria creou unha xerarquización por puro interese económico e social.
Desleigados inconscientemente da terra que pisamos. Xa é hora de que usemos a nosa fala na rúa, de que a poñamos no lugar que lle corresponde na política, na sociedade actual e no corazón de todo galego. Porque sen idioma non somos nada, non teriamos o dereito de chamarnos GALEGOS.
rosanegra
quarta-feira, 7 de abril de 2010
Poema homenaxe a Ramón Cabanillas
Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame
percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”
O tempo semella que é un rapsodo e declama
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio
Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”
Cruz Martínez
terça-feira, 6 de abril de 2010
FESTIVAL CONTRA O DECRETAZO

- Forga: Avda Aeroporto, 92-1º -36206- Vigo. Preguntar por Xoán Colazo
- CIG - Federación de Ensino: Gregorio Espino, 47 baixo -36205 – Vigo.
- BNG: Celso Emilio Ferreiro, 3 Vigo.
- A Nosa Terra r/ Príncipe, 22 -36201- Vigo
- Tipo Vigo Discos: r/ López Mora, 47 – 36211 - Vigo 986 29 96 93
- Libraría Mendinho: Avda Castelao, 7 -36208- Vigo 986 29 67 02
- Libraría Cartabón: Urzáiz, 125 -36205 – Vigo 986 37 28 83
- Libraría Andel: r/ Pintor Lugrís, 10 -36211- Vigo
- Fruitas Vilar: Avda. Castelao, 43-45 baixo
r/ José Antela Conde, 2 – Calvario
Avda. Castrelos, 40
- As. Veciñal de Teis. Preguntar por Anxo Igrexas.
- Comunidade de Montes de Teis. Preguntar por Manuel.
- Batallón, bar de copas. r/ Martín Códax, 17 -36201 –Vigo
- Café Uf!
terça-feira, 23 de março de 2010
Un decreto que se contralexisla
http://www.xornal.com/opinions/2010/03/20/Opinion/decreto-contralexisla/2010032012354600320.html
http://www.vieiros.com/columnas/opinion/1144/carta-aberta-a-don-anxo-lorenzo
segunda-feira, 15 de março de 2010
Imaxes da Concentración de hoxe
15 de Marzo, diante do Marco (Vigo).
Unha vez máis saímos á rúa para loitar polo noso idioma e farémolo as veces que sexa necesario. Non permitiremos que nos arrinquen a nosa identidade. Morreremos pelexando!. Endexamais seremos escravos da ignorancia dos que renegan da terra. Xa está ben de aldraxes!. Somos unha nación ceibe, cunha lingua propia e a nosa voz soará ben forte e clara: Na Galiza en galego!