Carlos Callón: “Núñez Feijóo non defende a lingua porque non cre nas potencialidades de Galiza”
Co lema “O galego, o noso existir”, a plataforma cidadá confía nunha mobilización histórica do pobo galego contra as agresións á nosa cultura e o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.- A Plataforma Cidadá Queremos Galego presentou esta mañá en conferencia de imprensa a campaña gráfica coa que chamará a toda a sociedade galega a unha nova manifestación nacional en defensa da nosa lingua propia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
“O Galego, o noso existir” é o lema escollido para unha mobilización “que non hai dúbidas de que será de novo histórica polas súas dimensións”, asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón.
A campaña gráfica que nos próximos días chegará a todas as comarcas do país xogará con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón; a primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, asegurou.
A manifestación do próximo 17 de maio partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, que Queremos Galego confía en ateigar de novo, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro.
Para Carlos Callón, a mobilización cidadá que se convoca para o Día das Letras vai servir tamén para “visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego”. “Unha unidade social”, denunciou, “da que só se autoexclúe o Partido Popular, que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país”. “Algo”, engadiu, “que debe facer reflexionar moi seriamente ao Presidente da Xunta, que no entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego”. Nese sentido, o portavoz censurou como “un insulto ás familias que máis padecen a crise económica que se anuncie o investimento público dun millón de euros nunha campaña a favor do decretazo; isto é, dunha campaña contra o galego”. Callón fixo un repaso do “rexeitamento unánime do decretazo” e citou de forma explícita “todas institucións culturais do país, todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e, excepto unha, todo o resto das asociacións de nais e pais”. “No PP saben que contan cun rexeitamento unánime e por iso utilizarán fondos públicos nunha macroacción propagandística impresentábel”, sinalou.
Como en ocasións anteriores, a Plataforma Queremos Galego dispoñibilizará en todas as comarcas do país un servizo de autobuses. Unha vez concretadas as rutas e os horarios, poderanse consultar na páxina web queremosgalego.org.
Sem comentários:
Enviar um comentário