domingo, 8 de junho de 2014

Carta de despedida de ontem dia 7 de junho. CADERNOS DE COMUNICACIÓN E ANÁLISE

Hoxe, 7 de xuño de 2014, Cadernos de Comunicación pecha logo de case 4 años de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñabamos para a diáspora galega.

Cadernos de Comunicación naceu cando a rede galega estaba nunha crise sen precedentes, e intentou converterse nunha iniciativa aberta que pretendía achegarse a toda a comunidade de galegos alí onde estivesen, na crenza de que nación galega é universal.

Como punto de encontro dos emigrantes galegos no mundo, Cadernos chegou a ser un medio de referencia na Galiza exterior. Sen embargo, e a pesar dese prestixio, Cadernos sempre foi un medio deficitario en apoios e colaboracións. Desgrazadamente, a nosa publicación non chegou a ilusionar o suficiente para que o espazo socio-político no que estabamos situados chegara a confiar en nós. A deslealdade dalgún medio dixital do país, a falta de respecto de todos os partidos políticos, pero tamén a lexítima competencia doutros, foron decisivos na nosa decisión de rematar o proxecto de Cadernos. Asumimos que non fomos quen de crear un produto de calidade suficiente para unha audiencia saturada de contidos. É indubidable que Cadernos de Comunicación non deu o “salto” que moitos agardabamos e polo tanto é imprescindible “repensar” o proxecto.

O certo é que o esgotamento dos que permanecemos na empresa é importante. Foi pois un final moi difícil nos que Cadernos intentou resistir, mais chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo na Galiza exterior fose posible.

E moi especialmente a todos os que colaboraron connosco, mais, pola súa entrega e compromiso inesgotable, as nosas grazas eternas a Manuel Suárez Suárez, Xoán Antón Pérez Lema, Edmundo Moure Rojas, Xosé Manuel Galdo-Fonte e a Carta Maior, do Brasil que cedeu centos de artigos, gratuitamente, á nosa modesta publicación.

Foi un pracer. Até sempre.

Sem comentários:

Enviar um comentário