segunda-feira, 14 de maio de 2012

A TERRA E OS SINOS

FOI A TERRA LEVADA,
barro materno ao barro teu xuntado,
cos líricos loureiros,
no camposanto de Padrón unxidos
pol-o amor e a door de Rosalía...
sagra primeira estrofa d-este pranto.

Pra compoñer as outras,
tanguidos a unha mao de Sul a Norte,
os sinos todos das eirexas todas,
que por todos redobran,
e tamén se ouvirán pol-os escuros,
non recolleran no coral de bronce
a dimensón da nosa desventura.

Por ti, Daniel, a máis dos campanarios,
siñaleiros da morte empadroada
han de dobrar, da vida, acentos novos;
han de dobrar as cordas dos espritos;
das cousas, seus metaes;
das cousas,
nas que os homes deixamos en anacos
os anacos da i-alma.

Do libro PRANTO MATRICIAL de V. Paz-Andrade

Sem comentários:

Enviar um comentário