quarta-feira, 5 de agosto de 2015

PORTOS DE GALICIA PROHIBE A INSTALACIÓN DUNHA INSCRICIÓN EN HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO NO PEIRAO DE SANTA CRISTINA DE COBRES

O emprazamento foi escollido polo colectivo “A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa” porque nese lugar os presos de San Simón foron obrigados a realizar traballos forzados

O colectivo “A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa” denuncia a negativa de Portos de Galicia a instalar unha inscrición de homenaxe ás vítimas do franquismo no dique do peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa). Trátase dunha intervención sobria e discreta, formada por letras en ferro cortén fixadas nas pedras do dique, co seguinte texto: “Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa”.
A inscrición de homenaxe foi presentada o pasado 26 de abril, nun acto público que tivo lugar no citado peirao, coa participación de numerosas persoas e entidades que colaboraron para facer posíbel a lembranza das vítimas do franquismo. Despois de anos de trámites ante Portos de Galicia por parte do concello, nos que nunca houbo resposta por parte deste organismo dependente da Xunta de Galicia, o colectivo A Regaduxa promoveu esta intervención artística e presentou unha solicitude de autorización que foi respondida negativamente o pasado mes de xullo.
A Regaduxa considera que esta resposta negativa de Portos de Galicia responde a razóns ideolóxicas, como se demostrou nas conversas con diversos representantes do organismo, que puxeron obxeccións ao texto da inscrición por empregar a expresión “terror franquista”. Para A Regaduxa, Portos de Galicia e por extensión o Partido Popular actúan como continuadores e herdeiros do franquismo. E ao prohibir esta homenaxe, atentan contra a memoria das vítimas e as súas familias.
As razóns técnicas aducidas no escrito de denegación son a xuízo de A Regaduxa meras escusas para xustificar unha decisión política. Cando se alega como xustificación da negativa a restricción no acceso á zona portuaria e mesmo a perigosidade que suporía a contemplación da citada inscrición, ocúltase que estas zonas portuarias acollen habitualmente actividades lúdicas, recreativas, relixiosas e deportivas sen limitación de acceso. E que en varios portos de titularidade autonómica existen monumentos e inscricións que ao parecer non son tan molestos como o promovido en Vilaboa.
Ante esta actitude antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas, o colectivoA Regaduxa vai promover diferentes iniciativas para levar a cabo a citada homenaxe. Neste sentido, nas próximas semanas convocarase un acto público reivindicativo ao que se convidará ás asociacións de defensa da memoria histórica e á veciñanza comprometida con esta tarefa.
Vilaboa, 4 de agosto de 2015.
A nova en sermos e pontevedra viva

Sem comentários:

Enviar um comentário