sexta-feira, 16 de abril de 2010

para denunciar as políticas de desmantelamento de oficialidade do galego

EUROPA.- Unha delegación de Queremos Galego percorrerá hoxe e mañá en Bruxelas diferentes instancias internacionais para denunciar as políticas de desmantelamento de oficialidade do galego
[13/04/2010]
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, participa da representación galega que se reunirá esta tarde cun alto representante da Comisaria de Educación e Multilingüismo da UE

Hoxe ás 19 horas terá lugar un acto aberto sobre a situación da lingua galega no que tamén se dará a coñecer a Plataforma Queremos Galego: será na Libraría galego-portuguesa Orféu de Bruxelas.
Hoxe e mañá 14 de abril unha delegación da Plataforma cidadá Queremos Galego percorrerá distintas instancias internacionais no ámbito da UE, o Parlamento e o Consello de Europa ou a UNESCO, para dar a coñecer e denunciar as "políticas activas de desmantelamento da oficialidade do galego e de ataque sistemático á lingua e á cultura propias" impulsadas, ao xuízo da plataforma, desde o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.

A representación de Queremos Galego está formada polo Presidente da Mesa, Carlos Callón; o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao; e o Deputado do BNG no Parlamento, portavoz en materia de Lingua, Bieito Lobeira. Estaba tamén prevista a participación -non posíbel finalmente -da actriz Isabel Risco.

Unha "apertadísima axenda", segundo se explicou no día de onte en comparecencia diante dos medios en Santiago de Compostela para dar conta da viaxe, levará estes representantes de Queremos Galego a encontros e xestións diante de diferentes instancias no ámbito europeo e da UNESCO.

A primeira das reunións terá xa lugar esta mesma tarde, ás 17.30, con Jonathan Hill, alto representante da Comisaria de Educación, Cultura e Multilingüismo da UE. Con posterioridade, ás 19 horas, organízase un acto aberto coa comunidade galega residente en Bruxelas, ás 19 horas, na Libraría galego-portuguesa Orféu.

A visita complétase mañá coa entrega dun "relatorio de denuncia" sobre a situación actual da lingua galega diante da sede que a UNESCO ten en Bruxelas e, a seguir, cunha conferencia de imprensa e unha serie de encontros con deputadas/os da Alianza Libre Europea de diferentes territorios da UE con linguas non normalizadas, así como con representantes doutras forzas.

Tamén mañá terá lugar unha reunión especial do Intergrupo de Comunidades Nacionais e Linguas do Parlamento europeo para tratar o caso do galego. Nesta reunión, sen dúbida histórica polo seu carácter monográfico, comparecerá a delegación da plataforma.

Información recollida en "A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜISTICA"

Sem comentários:

Enviar um comentário