quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

Se loitamos xuntos

Eu, Pablo Manuel García Valverde, como membro de Consello EScolar da EOI de Vigo,en representación do alumnado, quero facer pública a miña posición con respecto á xornadade loita contra o Decreto do Galego que o reaccionario e retrógado Goberno da Xunta de Galiciade Alberto Núñez Feijoo (PP) quere impoñernos contra a nosa vontade como galegas e galegos.
En primeiro lugar, o goberno dun país democrático como Galicia debe ocupar o poder para exercer dende el unha política de acordo cos intereses económicos, sociais e culturais das clases traballadoras, dos parados e das súas familias. Todo isto implica protexer e potenciar a cultura creada en Galicia e o seu medio vehicular que é a lingua galega, tal e como a estabelece a Real Academia Galega nas súas "Normas". Nada disto está a facer o actual Goberno do PP, que co seu último decreto quere condenar á nosa língua a un uso minorizado e minoritario, contrario a unha política que defenda o benestar social e cultural.
En segundo lugar, unha língua e unha fala son produto dunha determinada evolución psicolóxica dunha sociedade que ve reflectida nela unha cosmovisión e un xeito de interpretar a realidade que constitúen un modo de interactuar entre esa realidade e os seus falantes e entre eles mesmos. Atentar contra este feito é pretender crear nesa comunidade de falantes unha xenreira colectiva contra esa língua e, consecuentemente, unha perda de autoestima como grupo por parte daqueles falantes da língua socialmente desprotexida. Algo que o Partido Popular ven facendo tanto dende fóra como dende dentro do goberno da Xunta sempre que ten ocasión, o cal é inaceptable en calquera sociedade civilizada.
Por estas razóns, prego a todos os cidadáns e cidadás cun mínimo de coherencia que apoien a loita en defensa da língua galega que teña lugar no presente e no futuro e que inclúan a dimisión dos responsables desta vergonza: o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e =BR> o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
Se loitamos xuntos conseguirémolo.
Un saúdo para todos os que defenden a nosa língua.
Vigo, a 19 de xaneiro de 2010.
Pablo Manuel García Valverde.Membro do Consello Escolar da EOI de Vigo.

Sem comentários:

Enviar um comentário